martes, 13 de xuño de 2017

Festa fin de curso 2017



Un ano máis a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. 

No curso presente mantívose unha gran participación nestas clases, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta, baile, cancións tradicionais e acordeón.

Convidámoste entón a unha foliada para o sábado 17 de xuño a partir das 20:30 da tarde no campo da festa. Convidaremos tamén a uns pinchos a todos os asistentes.

Se queres, podes achegarte a partir das 7 da tarde  para ir preparando todo.
Non esquezas traer o teu instrumento musical.

Retrouso e Recanto na Sardiñada de Ouzande

O pasado venres os grupos da Asociación, Retrouso e Recanto animaron a celebración da Sardiñada de Ouzande, organizada pola Xunta parroquial. Aquí quedan as imaxes:







luns, 12 de xuño de 2017

As fotos da excursión anual 2017. Terras do Carballiño.

O pasado 4 de xuño lugar unha nova edición da Excursión anual da AC A Fervenza de Ouzande, actividade que se ven facendo de xeito ininterrumpido desde o ano 2002.

Nesta ocasión, un grupo de 50 veciños e socios responderon á convocatoria e desprazáronse á comarca das Terras do Carballiño para pasar unha xornada de convivencia, lecer de descuberta dos interesantes recursos cos que conta a zona.

Pola mañá realizaron unha completa e interesante visita guiada ao Castro de San Cibrao de Las. Visitaron o impresionante xacemento castrexo que chegou a albergar hai 2000 anos unha poboación de máis de 5000 habitantes, e tamén a magnífica musealización realizada neste Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.
Achegaronse á vila termal do Carballiño onde visitaron a orixinal e fermosa Igrexa da Veracruz do arquitecto Antonio Palacios (lugar onde están nunha das fotos que achegamos) para logo percorrer o centro histórico da vila do Arenteiro. 

O xantar campestre foi compartido polos excursionistas na fermosa contorna do parque fluvial do Carballiño, que permitiu un agradable convivio baixo a sombra das frondosas árbores do lugar.
A tarde rematou coa completa visita ao Mosteiro de Oseira, que chamou a atención dos veciños pola súa magnífica restauración. Aproveitaron para tirar unha foto nas Escaleiras de Honra, un dos recunchos do Mosteiro que máis chamou a atención dos excursionistas.

Un ano máis, unha xornada de convivencia e lecer, que rematou coa despedida ata o ano que ven.
Picando na imaxe podes acceder ás mellores fotos do evento.

venres, 19 de maio de 2017

As imaxes da XII Ruta das Letras. Subida á Pedralba.

A mañá presentouse con chuvia, o que non evitou que 17 persoas se achegasen puntuais á igrexa de Ouzande para percorrer os máis de 15 km de roteiro. Pouco a pouco o tempo foi mellorando e mesmo chegou a asomar o sol cando os camiñantes coroaban os case 700 metros do monte da Pedralba, na parroquia veciña da Somoza.
Andamos e falamos tamén. O bo ambiente e a camaradaría reinou un ano máis entre os participantes, de todas as idades, que regrasaban pouco despois do horario previsto ao adro ouzandés onde foron agasallados cun libro na nosa lingua. O ano que ven, máis.
Aí queda un collage coas mellores imaxes. Se picas nel, poderás ver máis fotos da ruta.


mércores, 10 de maio de 2017

XII Ruta das Letras. Subida ao monte da Pedralba.


PROGRAMACIÓN DE PRIMAVERA 2017
XII Ruta das Letras. Andamos e falamos.
Subida á Pedralba
O próximo mércores 17 de maio, terá lugar a XII edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación.
Saída/Chegada: 9:30 / 13:30 Igrexa de Ouzande
Percorrido: 15 km
TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, CORTESÍA DA ASOCIACIÓN, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.
Recoméndase levar calzado resistente, debido ás condicións do camiño, así como uns prísmáticos.
A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatólóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.

Mapa do percorrido:



LUGARES DE INTERESE:
- Montes do Pedroso e A Pedralba (A Somoza): posto que albergan numerosas especies autóctonas que sobreviviron as reforestacións masivas de coníferas, especialmente de piñeiros e eucaliptos. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).
- Monte Cabalar: A rota discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar  as mandas de cabalos e vacas en liberdade.
- Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza... O alto da Pedralba, obxectivo da ruta, sitúase a 634 m de altitude, e permitirá gozar aos camiñantes de vistas como as indicadas, e mesmo, en caso de boa visibilidade, da contemplación das Rías de Arousa e Pontevedra.

martes, 2 de maio de 2017

As Xuntanzas para tecer despídense ata o outono.

Rematan as Xuntanzas de Tecer. Por segundo ano consecutivo, un grupo de 20 mulleres formaron parte desta iniciativa na que se xuntan unha vez á semana co obxectivid de tecer, aprendendo unhas das outras. Tamén sirve como momento de conversa e de convivencia.
Para poñerlle o ramo decidiron compartir unha cea o pasado venres, 28 de abril.
 Aí quedan as fotos que resumen as xuntanzas 16-17.








mércores, 26 de abril de 2017

Retrouso e Recanto no Roteiro Teatral de Avelaíñas en Callobre

Tarde solleira e fermosa a do pasado 23 de abril para recibir os centos de visitantes que chegaron a Callobre para participar neste evento, chegados de Palas de Rei, Laxe, Touro e A Estrada.
Unha coidada organización na que colaboraron diversas entidades, ademais do grupo de Teatro do IES Antón Losada, Avelaíñas, ofreceu un paseo musical e literario polo coidado contorno da Fervenza e do Castro de Callobre.
O grupo Retrouso acompañou a un dos grupos de visistantes, amenizando a visita con varias pezas do seu repertorio. O outro dos grupos era acompañado polos compañeiros Os Regatos de Callobre. Mentres tanto, o grupo de cancións Recanto agardaba nun recuncho do Castro polo paso dos asistentes para interpretar as súas pezas cantadas. Todas as interpretacións teatrais e musicais recibiron o entusiasta aplauso do público.

Aí quedan as imaxes








sábado, 22 de abril de 2017

A Fervenza de Ouzande colabora co Roteiro Teatral e Musical do V Festival de Teatro Escolar da Estrada

Un ano máis os grupos de música da asociación, Retrouso e Recanto, participarán na actividade organizada pola aula de teatro Avelaíñas do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Aí queda o cartel da actividade, á que queremos convidarte:



As nosas gaiteiras máis novas xa están preparadas.


Retrouso e Recanto nos Cantos de Taberna da Estrada

O pasado 25 de marzo un grupo de 25 persoas participou nunha nova edición dos Cantos de Taberna da Estrada. Formaron parte de Retrouso e Recanto e tiveron ocasión de compartir a súa música con outros moitos grupos chegados de todo o país polas tabernas da Estrada. A festa rematou cunha comida de confraternidade na que tampouco faltou a música e o canto.


Picando na imaxe poderás ver máis fotos do evento:

https://goo.gl/photos/SKhKDVeJhfmjxCgN7