xoves, 31 de decembro de 2015

Resume Clases de Música, Canto e Baile. Curso 2025.16

Máis de 50 persoas asisten, todos os sábados, ás clases de acordeón, gaita, tamboril, pandeireta, baile e canto tradicional que organiza a Asociación. Sirvan estas imaxes de testemuño da banda sonora de Ouzande todos os sábados.

mércores, 30 de decembro de 2015

as fotos da VI Feliz Ruta de Nadal.

Aí quedan as imaxes de máis de 11 km de ruta, conversa e alegría da mañá do día de Nadal de 2015. Polos montes de Ouzande, A Somoza e Ferreiros.

xoves, 17 de decembro de 2015

ATRÉVESTE?

O próximo venres 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da SEXTA edición da Ruta de Nadal. Na mesma percorreremos o Roteiro dos Montes da Somoza e Ferreiros.
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.
A actividade é gratuíta.

Hora de saída: 10:15, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio.
11 km. Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
 A ruta só se suspenderá se as condicións climatolóxicas impiden o súa realización.
LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese: 
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande. 
-Congostra dos lobos. Para chegar a Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.
-Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...). 
-No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido.
Aí queda o mapa co percorrido que realizaremos:
 
 

As fotos do BRINCACONTOS en Ouzande

Aí quedan as imaxes da representación da obra BRINCA CONTOS de Andaravía Teatro que tivo lugar o domingo 13 pola tarde no Local Social de Ouzande. Este, habilitado nesta ocasión como sala teatral, acolleu un bo número de asistentes de todas as idades, que disfrutaron dunha familiar tarde de teatro, e na que o elenco vedrés por fin nos desvelou o rico sabor do "mexunxe marrón" que repartiron entre os asistentes en ricos bocadillos. Aplausos para todos, risas e mesmo algúns pavorosos momentos, deixaron un sorriso entre os asistentes.

sábado, 5 de decembro de 2015

ANDARAVÍA TEATRO NO LOCAL SOCIAL DE OUZANDE

TEATRO PARA TODOS OS PÚBLICOS NO LOCAL SOCIAL DE OUZANDE

O próximo domingo, 13 de decembro, ás 18 horas, pecharase o ciclo de actividades de Outono cunha actividade teatral para público de todas as idades.  Trátase da obra Brinca Contos, posta en escena polo grupo Andaravía Teatro, do veciño Concello de Vedra.

A obra, pensada para o público infantil, e tamén apta para persoas de todas as idades, ás que convidamos para a data sinalada. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do local social.

O espectáculo convídanos a brincar no mundo dos contos para achegármonos a acontecementos máxicos e misteriosos. Meigas que pelexan pola fórmula secreta das beberaxes, Miñocas inxenuas, vellos grilos e formigas obreiras que queren arranxar o que lle pasa ao sol... Preguntas que resolveremos se brincamos nestes contos.

Con esta actividade ponse fin á programación do Outono 2015 da Fervenza de Ouzande, adicado especialmente á posta en marcha das clases de música, xuntanzas para tecer, xornadas de coidados ecolóxicos, e celbración da Festa de Outono, Actividades nas que participaron máis de 150 persoas.

venres, 4 de decembro de 2015

Xornadas A HORTA NATURAL. As imaxes

Os pasados 20 e 21 de novembro tiveron lugar en Ouzande as Xornadas dedicadas aos coidados naturais e limpos dos nosos cultivos, baixo o título A HORTA NATURAL.
O venres, a especialista en tratamentos biosanitarios para a horta, Alicia Rey, da firma BioSolutio, ofreceu unha documentada e moi produtiva charla sobre os diferentes produtos que hoxe existen no mercado, para este fin, xerando un interesante debate e intercambio de opinións sobre o mesmo.
O sábado, a produtora ecolóxica, propietaria da Tenda Bio Casa Xorxeira, no Novo Mercado da Estrada, ofreceu solucións caseiras para o tratamento de pragas e fungos, así como múltiples remedios preventivos. Na segunda parte ofreceu o práctico obradoiro de fabricación de xabón potásico, do que todos e todas as participantes levaron mostra. Ao igual que na xornada anterior, houbo múltiples preguntas e intervencións que desmostraron o enorme interese polo tema.
As xornadas tiveron unha grande aceptación, pois sobrepasouse a trintena de persoas en cada unha delas.

Aí queda unha selección de imaxes dos dous días:


venres, 13 de novembro de 2015

A HORTA NATURAL. XORNADAS







A HORTA NATURAL 
Xornadas sobre coidados naturais para a nosa horta

A asociación continúa coa súa programación de Outono coa organización dunhas xornadas divulgativas arredor dos coidados ecolóxicos e limpos da nosa horta.

Venres 20 de novembro ás 20:30 h.
PROTECCIÓN NATURAL DE CULTIVOS
Charla coloquio con Alicia Rey, xerente da firma estradense Biosolutio (Praza da Feira) e especialista e trataamentos naturais con produtos biosanitarios.
Nesta horta falaranos de agricultura natural e o emprego de produtos biosanitarios nos nosos cultivos. Tamén aprenderemos como substituír o uso de produtos químicos, prexudiciais para a saúde, por métodos naturais.
Esta actividade é gratuíta e non precisa inscrición.

Sábado 21 de novembro de 17:30h a 19:30h
PLANTAS QUE CURAN PLANTAS e OBRADOIRO DE XABÓN POTÁSICO
Charla-obradoiro con Montse Fernández, produtora ecolóxica e propietaria da Tenda Bio Casa Xorxeira, sita na Praza de Abastos da Estrada.
Nesta actividade aprenderemos a elaborar extractos de plantas como remedio para eliminar pragas, enfermidades e fortalecer os nosos cultivos.
Aproveitaremos os recursos naturais do noso contorno, recoñeceremos as plantas máis efectivas para tratar cada un dos problemas que puideran afectar á nosa horta. Ademais, elaboraremos xabón potásico elaborado a partir de cinza. Cada participante levará unha mostra do mesmo.
Para esta actividade cómpre inscribirse na Taberna de Ouzande (986570285). Os socios gratis e non socios 5 euros.

As actividades terán lugar no Local Social de Ouzande.

xoves, 5 de novembro de 2015

Xuntanzas para tecer en Ouzande.

Todos os mártes a partir das 8 da tarde xuntámonos para tecer en Ouzande. Non é un curso. Tecemos, falamos e compartimos. Anímate e acompáñanos.
Aí van as fotos das xuntanzas:

sábado, 31 de outubro de 2015

FESTA DOUTONO 2015. CASTAÑAS E MÚSICA




A Asociación continúa co seu programa DE OUTONO, coa celebración da Festa de Outono que terá lugar o próximo sábado 7 de novembro de 2015.

A partir das 20:30 da noite no Campo da Festa de Ouzande celebramos a festa das castañas en Ouzande.
Haberá castañas asadas e viño novo, de balde para todos os asistentes.

Este ano volveremos ter novidades gastronómicas interesantes para facer unha festa máis doce para todos:
-Degustación de pasteis e doces elaborados con castañas  e produtos do outono cociñados por socios e socias. 

SE TI QUERES, PODES TAMÉN TRAER O DOCE FEITO POR TI E COMPARTILO.

-Tamén teremos un servizo de bar con chourizos asados a prezo módico para completar a festa.

Non faltará a música cos compoñentes de RETROUSO,  e co grupo de cancións RECANTO.
Nesta ocasión contaremos coa participación musical do grupo de S. André de Vea, AS CARABUÑEIRAS DE VEA.


xoves, 8 de outubro de 2015

XUNTANZAS PARA TECER EN OUZANDE



OUTONO NA FERVENZA DE OUZANDE

XUNTANZAS PARA TECER



Na Fervenza de Ouzande SEGUIMOS TECENDO. Despois do curso celebrado o outono pasado, e das xuntanzas que as participantes tiveron durante os meses seguintes, volvemos.



Tear, ganchillo, calceta. A modalidade que a ti che guste máis. Trapillo, lan, o que queiras. O caso é facelo en compañía e aprendendo unhas das outras. Compartindo o que sabemos, compartindo contos e pasando o tempo xuntos e xuntas. Será todos os martes ás 8 da tarde no Local do Campo da Festa.



A reunión para comezar será o próximo martes día 13 de outubro, ás 8 da tarde no Local do Campo da Festa. Nesta reunión poñerémonos de acordo para organizarnos e comezar a tecer.



Pode participar quen queira, homes, mulleres, mozos e mozas. A actividade é gratuíta.

luns, 28 de setembro de 2015

Horarios das clases de música e baile tradicional. Curso 2015-16

O pasado 26 de setembro a Asociación presentou a súa programación do novo curso 2015-2016.
Os horarios e docentes serán os seguintes:

SÁBADOS
Mañá:
10:30 a 11:30 ACORDEÓN. Profesor: Marcos Varela.
11:30 a 12:30 GAITA (INICIACIÓN) Profesor Marcos Varela.
12:30 A 13:30 GAITA (Perfeccionamento) Profesor Marcos Varela.

10:30 a 11:30 TAMBORIL (INICIACIÓN) Profesor Xosé Martíns, Fofi
11:30 a 12:30 TAMBORIL. (Perfeccionamento) Profesor Xosé Martíns, Fofi

Tarde:
17:30 a 19:00 PANDEIRETA (INICIACIÓN) . Profesora Silvia Martínez
18:30 a 20:00 PANDEIRETA (Perfeccionamento) Profesora Silvia Martínez
20:30 a 22:00 BAILE. Profesora Silvia Martínez

Noite:
22:00 a 23:00 CANCIÓNS TRADICIONAIS Profesor Marcos Varela.
AS CLASES DARÁN COMEZO O PRÓXIMO SÁBADO 3 DE OUTUBRO NO LOCAL SOCIAL DE OUZANDE
Aínda quedan prazas libres.
As persoas interesadas poden achegarse no horario indicado arriba ou a través do correo carreirosouzande@gmail.com

Aí quedan as imaxes da presentación

martes, 22 de setembro de 2015

A VIII Fervenza de Músicas en Imaxes. 2015

Aí quedan as mellores imaxes dunha noite de festa e música con Tequexetéldere, Sonche Lerias, Nai, Retrouso e Recanto. Foi o 11 de setembro de 2015 nas Festas do Socorro de Ouzande.


venres, 18 de setembro de 2015

bailas? clases de música e baile tradicional en Ouzande. Curso 2015-16

BAILAS?  2015-2016
CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL
ACORDEÓN, GAITA, BAILE, PANDEIRETA, TAMBORIL E CANCIÓNS TRADICIONAIS
       
Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 26 de SETEMBRO no local do campo da festa ás 17:30 da tarde.
Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. TAMÉN SE INFORMARÁ DO HORARIO DO GRUPO DE CANCIÓNS TRADICIONAIS, OS SÁBADOS POLA NOITE.

As clases comezarán o PRIMEIRO FIN DE SEMANA DE OUTUBRO

Tamén convidamos ás persoas participantes nas diferentes clases e a todas as interesadas a traeren os seus instrumentos para interpretaren algunha peza e facer algo de festa.  Para rematar a reunión a Asociación convida a uns pinchos de merenda.

Anímate a tocar algún instrumento, a cantar ou a bailar. Verás que non é tan difícil, e ademais vaste divertir.