mércores, 15 de xuño de 2016

A MANTA SOLIDARIA DA FERVENZA DE OUZANDE



O martes 14 de maio, ás 9 da noite, tivo lugar no Local Social de Ouzande o acto de entrega por parte do grupo de mulleres da Fervenza de Ouzande, que  participa habitualmente nas Xuntanzas para tecer, dunha manta realizada por elas á ONG galega Implicadas no desenvolvemento.
A MANTA SOLIDADARIA DAS MULLERES DA FERVENZA DE OUZANDE
No ano 2014 un grupo de 15 mulleres participaba nun curso de tecer, ganchillo, tear e trapillo organizado pola Fervenza  de Ouzande. Tres meses despois, xa a primeiros de 2015, estas mulleres e algunhas máis decicimos continuar a xuntarnos todos os martes ás 8 da tarde no Local Social de Ouzande, para seguir facendo traballos de tecido todas xuntas, intercambiando experiencias, coñecementos, e tamén historias, contos e vivencias. Nacían as Xuntanzas para tecer. De aí saíron bufandas, gorros, mantas, alfombras... pero tamén se teceron coñecementos, confianzas, afectos e moitos sentimentos aos que non se lles pode sacar unha foto nin apuntar nos libros de contas. Apareceron destrezas que non sabiamos que posuiamos e medrou a nosa autoestima. Só descansamos coa chegada do verán, e xa no outono, volvémonos reunir para continuar coas xuntanzas, cada vez con máis adeptas.
Na primavera deste ano, recibimos a proposta, xurdida do grupo local da Estrada da ONG galega Implicadas no Desenvolvemento, de colaborar coa campaña de recollida de fondos para os seus proxectos coas mulleres da India. E decidimos facer  facer A Manta. Despois de case dous meses de traballo compartido, remataron o seu proxecto, planeado e realizado por todas nós, un grupo de 15 mulleres, ás que se sumaron outras máis que non puideron colaborar na confección da mesma, pero que si aportaron o seu ánimo e, como todas as demais, os seus cartos para os materiais necesarios.
No día de hoxe, 14 de xuño de 2016, facemos entrega da manta solidaria ás representantes locais de Implicadas no Desenvolvemento. A manta formará parte dun lote de produtos que a ONG sorteará coa venda de rifas para a recadación de fondos.
Agradecémoslle a Implicadas a súa proposta, que nos fixo traballar nun proxecto común, e saber do que somos capaces de facer. Levan unha manta feita de fío de algodón e de moitas emocións, hai que lavala con coidado.

Fixemos este vídeo no que se conta, con imaxes, a historia da manta.


Ningún comentario: