xoves, 22 de decembro de 2016

Cea das clases de música da Asociación.

O pasado 2 de decembro tivo lugar, por segundo ano consecutivo, a cea das clases de música, canto e baile da Fervenza de Ouzande. 45 persoas xuntáronse no restaurante O Xarro, para compartir unha velada chea de música, convivencia e moita alegría. Aí queda algunha imaxe do evento.








Así foi o Obradoiro de cosméticos naturais.

Dentro da programación de outono, o pasado 26 de novembro tivo lugar un Obradoiro de cosmética natural no que aprendemos a facer xabón de tocador, bálsamo de caléndula e xabón de lavadora. A actividade foi moi proveitosa e entretida, da man da especialista Montse Fernández Búa, de Tenda Bio Xorxeira, que xa o ano pasado estivera con nós. Na actividade participaron 30 persoas.
Aí quedan algunhas imaxes. Se queres ver máis, pica aquí: Imaxes Obradoiro Cosméticos 16





Imaxes da Festa d´OUtono 2016

O pasado 12 de novembro tivo lugar no campo da festa de Ouzande unha animada e concorrida festa de Outono. Ademais da degustación de castañas, chourizos e doces de outono, cantamos e bailamos moito. Con Retrouso e as Carabuñeiras de Vea. Máis fotos picando aquí: Imaxes festa doutono 16.





sábado, 17 de decembro de 2016

FELIZ RUTA DE NADAL EN OUZANDE 2016

IMOS ANDAR. TAMÉN EN NADAL.
ATRÉVESTE?

O próximo domingo 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da SÉTIMA edición da Ruta de Nadal. Na mesma percorrerase o Roteiro dos Montes de Ouzande, A Somoza e as Lagoas. (12 Km)
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.
A actividade é gratuíta.

Hora de saída: 10:15, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio. Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable. 


LUGARES DE INTERESE:

Lagoas de Zoo: Nesta saída habemos achegarnos ao alto do monte do lugar de Zoo, xa no Concello de Cuntis, a un lugar no que de invernos se forman lagoas de auga doce grazas ao efecto da choiva e á escasa drenaxe do solo.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de grande valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muiños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes. Apreciaremos a diferencia na vexetación en función da altura, posto que na zona das lagoas esta é propia de monte alto, fronte aos bosques que temos na saída de Ouzande.

Monte Cabalar: atravesaremos a zona ocupada pola cooperativa Monte Cabalar, na aba sur do Monte Pedroso, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar os rabaños de cabras e mandas de cabalos e vacas en liberdade.

Encoro da Estrada: Pasaremos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.
Mapa da VII Ruta de Nadal